XXI Premio Avelina Valladares

Evento Cultural

Do 03/04/2017 ao 12/05/2017
07:00h a 15:00h
Concello da Estrada
O Excmo. Concello da Estrada e a Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares, comprometidos/as e sensibilizados/as co proceso de creación cultural desexan contribuír á difusión da lírica galega, e ao tempo servir como estímulo para que novos/as autores/as percorran o complexo e en ocasións pouco agradecido camiño da poesía, esa arte literaria de minorías, que historicamente adquiriu en Galicia unha importancia superior ao resto dos xéneros.
Preténdese valorar o traballo do/a poeta, do médium das artes, do/a alquimista que tende a ponte entre dous mundos, entre a realidade e a imaxinación, o sólido e o volátil, a terra e o espírito, conseguindo en cada traballo o antigo soño de transformar o chumbo en ouro.
Do mesmo xeito, perseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade.
Por último, e non menos importante, colaborar coa divulgación da obra da poetisa estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico.

B A S E S

PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio todas as persoas autoras, de calquera nacionalidade, que presenten os orixinais escritos en lingua galega e acordes coa normativa oficial vixente. Os textos presentados deberán ser inéditos.

SEGUNDA
Os orixinais presentaranse por quintuplicado acompañados dun CD, onde se incluirá a obra en formato PDF. O tema e a forma serán libres, mais os textos deberán contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Deberanse remitir, antes do 12 de maio de 2017, ao seguinte enderezo: XXI Premio de Poesía Avelina Valladares, Concello da Estrada, praza da Constitución, 1, 36680 A Estrada, Pontevedra

TERCEIRA
Con cada orixinal, que se deberá entregar baixo lema, xuntarase nun sobre pechado o nome completo, a copia do DNI, o enderezo e o teléfono do autor ou autora. 
Presentarase na plica unha declaración xurada en que se indique que a persoa que concorre ao premio está ao corrente das súas obrigas tributarias e coa seguridade social, que non está incursa na prohibición da percepción de obrigas públicas e, en xeral, que cumpre os requisitos do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

CUARTA
A dotación económica será de 2.000 €, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio.

QUINTA
O xurado estará composto por catro membros escolleitos/as entre recoñecidas figuras do mundo da cultura. Cada un dos grupos políticos representados na corporación propoñerá un membro. Contará tamén cun/cunha secretario/a, con voz e voto, en representación do Concello da Estrada. O premio entregarase por maioría de votos.

SEXTA
A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente. 

SÉTIMA
Unha vez emitida a resolución do xurado, abrirase a plica gañadora no curso dun acto público que se desenvolverá na data e lugar que se anunciarán oportunamente.  

OITAVA
O Concello da Estrada resérvase o dereito de publicar os traballos premiados en formato físico e dixital, nunha antoloxía creada con tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando as persoas autoras con exemplares do volume que, no seu día, se puider editar. De a persoa autora publicar a obra, deberase facer referencia ao premio obtido neste certame.

NOVENA
Os textos non premiados poderanse retirar no Departamento de Cultura do Concello da Estrada nun prazo de trinta (30) días, contados a partir do día seguinte ao da comunicación do xurado. Para a retirada dos textos cumprirá que o autor ou autora presente unha solicitude de retirada asinada e que se identifique no momento da recollida. Aqueles textos que non se retiren no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto. O Concello da Estrada non manterá correspondencia cos autores e autoras dos traballos presentados, nin asume responsabilidade ningunha pola eventual perda dalgún orixinal.

DÉCIMA
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como das decisións do xurado designado, que serán inapelables.