Bases IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

Evento Cultural

Do 01/01/2024 ao 24/02/2024
00:00h a 00:00h
A Estrada

BASES
IV Premio Alberte Quiñoi 
de Álbum Ilustrado

 

PRESENTACIÓN DE ORIXINAIS ATA O 24 DE FEBREIRO

 

 

Primeira

Poderán optar ao IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, que convoca o Concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, todas as obras ilustradas de tema libre, inéditas en calquera medio ou soporte, dirixidas ao público infantil. Neste sentido, enténdese como álbum infantil o conxunto de texto e ilustración, no que tanto a escrita como as imaxes serán valoradas por xunto, concedéndoselles similar importancia. O(s) autor(es) ou autora(s) garantirán a autoría e orixinalidade da obra presentada ao premio, así como que non é copia ou modificación de ningunha obra allea nin integral nin parcialmente.

 

Segunda

Poderán concorrer ao premio tanto unha soa persoa autora da parte textual e da gráfica coma dúas ou máis persoas coautoras da parte textual e/ou gráfica.

 

Terceira

As obras serán presentadas co texto en lingua galega, seguindo a normativa oficial establecida pola RAG/ILG.

 

Cuarta

As obras a concurso deberán cumprir tamén as seguintes condicións:

- O texto do álbum poderá presentarse xa incorporado á parte gráfica ou tamén por separado dela. En caso de presentarse o texto por separado enviaranse cinco copias impresas deste e outro xogo doutras cinco copias a cor do conxunto de ilustracións. Tamén deberán achegarse indicacións precisas de onde debe figurar o texto en cada páxina ilustrada. En caso de presentarse o texto xa incorporado á parte gráfica deberán enviarse cinco copias impresas a cor do álbum.

- As obras deberán ter unha extensión, sen incluír a cuberta e contracuberta e as gardas, dun mínimo de 24 páxinas e un máximo de 56 páxinas cun un tamaño de 240x210 mm en formato horizontal ou 170x240 mm en formato vertical.

- Os álbums presentaranse con título e baixo pseudónimo. Nun sobre á parte e cerrado figurarán o nome completo, DNI, enderezo postal e electrónico e máis o teléfono do autor ou autora. Todos estos datos de cada un dos autores da obra.

- O autor/a ou autores/as presentarán na plica unha declaración xurada conforme de estar ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non estar incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003, así como fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento equivalente.

 

Quinta

O prazo de admisión de orixinais rematará o 24 de febreiro de 2024. Os álbums deberán enviarse ao seguinte enderezo:

IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

Concello da Estrada

Praza da Constitución, 1

36680 A Estrada (Pontevedra)

 

Sexta

Establécese un premio único de 4.000 euros para o gañador ou gañadora, suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan. De seren dúas ou máis as persoas gañadoras, a contía do premio repartirase equitativamente entre todas elas.

O premio poderá xestionarse por tramitación anticipada de gastos, co obxecto de iniciar a tramitación no exercicio 2023, e adxudicar (disposición de gastos) e recoñecer o importe da obriga con cargo aos orzamentos de 2024, en concreto, na aplicación orzamentaria 2024/01/330/48100.

 

Sétima

O álbum gañador será publicado pola Editorial Galaxia.

 

Oitava

O xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio vinculadas ao mundo da creación e/ou da crítica literaria ou artística e será designado polo Concello da Estrada (tres membros), a Secretaría Xeral de Política Lingüística (un membro) e a Editorial Galaxia (un membro). Actuará como secretario ou secretaria do xurado, un dos membros do xurado a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio outorgarase por maioría simple de votos, podendo ser declarado deserto se o xurado así o estima. A decisión do xurado será inapelable.

 

Novena

As presentes bases publicaranse na web municipal www.aestrada.gal, na app do Concello e nas súas redes sociais.

O extracto da convocatoria desta subvención publicarase na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). Posteriormente, a BDNS dará traslado do extracto desta ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para a súa publicación.

 

Décima

Os orixinais non premiados poderán ser retirados polos autores ou autoras nas dependencias do Concello da Estrada durante o prazo de 15 días que comezará a contar a partir do día no que se faga público o veredicto do xurado. Transcorrido este prazo, os orixinais serán destruídos. Para a retirada dos orixinais deberase pedir cita por correo-e ao seguinte enderezo cultura@aestrada.gal.

 

Undécima

A presentación ao premio implica por parte dos ou das concursantes a aceptación total destas bases.